Imaxe da cabeceira do noso primeiro blog |
Triste destino, o de ter que repetir unha e outra vez o mesmo traballo sen perspectivas.
Contan os feitos que, correndo o mes de abril do ano 2007, desde a Biblioteca Escolar comezamos a aventura de publicar o noso primeiro blog, co título Paxaros na Cabeza. Fixémolo con moito ánimo e adicación, sen dúbida. Mais no mes de xuño do ano 2011, despois de comparar o esforzo e o tempo adicados coa súa incidencia real na nosa comunidade educativa, decidimos facer unha pausa e reflexionar sobre o para que.
Necesario destino, o de reflexionar sobre o que se fai para mellorar os resultados.
Conta a lenda que Penélope, agardando o regreso do seu esposo Ulises da guerra de Troia, era solicitada en matrimonio por moitos pretendentes. Confiando en que Ulises estaba vivo e voltaría, Penélope afirmou que elixiría novo esposo cando acabase de tecer un sudario para o pai de Ulises. E para que o tempo correse ata o regreso do seu amado, destecía de noite o que de día tecía.
Esperanzado destino, o de realizar repetidamente un traballo agardando un resultado no que se confía.
E aquí estamos, unha outra vez, abrindo un novo blog.
Ben se ve que optamos por Penélope.
2 comentarios:
Ola, antes de nada parabéns polo voso labor e pola vosa iniciativa.
Un cordial saúdo!
Grazas, grazas e grazas!
Publicar un comentario