29 de xaneiro de 2017

Que se celebra exactamente o 30 de xaneiro?


Logo do DENEP
O Día Escolar da non-violencia e a paz celébrase cada 30 de xaneiro con actos diversos nos centros educativos para conmemorar a morte de Gandhi. Celebrouse por primeira vez no ano 1964 por  iniciativa do profesor, poeta e pacifista mallorquín Llorenç Vidal, foi recoñecido polo Ministerio de Educación e Ciencia no ano 1976 e a UNESCO tamén tivo a ben recoñecelo no ano 1993.
Cada 30 de xaneiro convírtese así nunha chamada de atención  que nos fai sentir a necesidade dunha educación para a tolerancia, a solidariedade, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz.
 A mensaxe básica deste día é:
 "Amor universal, non-violencia e paz.
O amor universal é mellor que o egoísmo,
                             a non-violencia é mellor que a violencia,
                                     a paz é mellor que a guerra".

Para concienciarnos da necesidade de traballar pola paz e pola resolución non violenta dos conflitos, nada mellor que interiorizar a terrible situación de moitos nenos e nenas refuxiados como consecuencia dos conflitos que se viven nos seus países de orixe. Está sucedendo agora. Está sucedendo aquí.


Este vídeo forma parte dunha campaña viral da ONG Save the Children e quere mostrar en imaxes a dura realidade na que viven os nenos refuxiados a través dos ollos de Lily, unha nena de once anos que foxe dunha hipotética guerra que estala en London. Save the Children quere lembrar así que 325.000 nenos cruzaron o Mediterráneo e o Mar Exeo fuxindo de conflitos bélicos, fuxida na que perderon a vida unha media de dous nenos ao día entre setembro de 2015 e febreiro de 2016.

Ningún comentario: