O día 3 de maio celebrouse no centro a segunda edición de Ciencia en Galego. O alumnado expuxo, nunha xornada de portas abertas, os seus experimentos e as aprendizaxes realizadas nas aulas de ciencias da natureza, tecnoloxía e física e química, e asemade deulles visibilidade a algúns aspectos cos que aínda andamos a voltas neste século: en galego tamén se fai ciencia e a ciencia non ten sexo.
Parabéns a todas as persoas fixeron posible esta actividade.
Hai agora dous anos, publicabamos unha entrada para explicar por que o Día internacional da eliminación da violencia contra a muller se celebra o 25 de novembro.
O feito é que nesa data do ano 1960 foron asasinadas as irmás Mirabal, coñecidas como As bolboretas, por seren disidentes políticas na ditadura do presidente Trujillo, na República Dominicana.
Os feitos foron recreados nun filme que leva por título "No tempo das bolboretas" e que inserimos a continuación:
O Equipo de Dinamización Lingüística, conxuntamente coa Biblioteca, fixo unha selección de lecturas para neste Samaín se nos poidan poñer todos os pelos de punta. Non pensedes que é unha esaxeración e atrevédevos...!
O pasado venres, día 27 de abril, celebrouse no IES de Oroso o Día da Ciencia cunha mostra de proxectos realizados polo alumnado de segundo, terceiro e cuarto que poideron contemplar e gozar todas as persoas vinculadas dalgún xeito ao noso centro.
Como unha contribución máis a esta celebración a Biblioteca Escolar (en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística e o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía) elaboraron un Calendario Orbital que permite localizar ao longo deste ano 2018 a ubicación do noso planeta na órbita que describe arredor do Sol.
Unha versión impresa deste calendario foi posta a disposición de todos os visitantes á Feira da Ciencia. Se a ti tamén che interesa, podes descargar unha copia clicando sobre a imaxe.
Tamén podes facerte unha idea do animado que estivo o noso instituto visualizando un pequeno álbum de fotos desta Feira da Ciencia 2018.
A pequena reportaxe foi emitida no Telexornal Mediodía do mesmo día 24, e foi subido á web nos días posteriores acompañado do seguinte texto:
"Nos centros de secundaria din que a concienciación contra a violencia
machista xa non é algo que se trate só con accións simbólicas dun Día... 'O das máscaras representa como as mulleres temos que calar...
Simboliza a submisión', din dúas alumnas do IES de Oroso.
"Alumnos e alumnas recoñecen que a formación en igualdade e contra a
violencia machista forma parte dos seus contidos escolares, cada vez
máis fóra da área de orientación e titorías e máis vinculados co resto
das materias. De portas para dentro do centro senten que as relacións xa
son moi igualitarias, pero portas para fóra din que aínda queda moito
por facer... 'Cando tomamos a iniciativa somos máis xulgadas', 'Os homes
van máis soltos... mentres que se nós facemos o mesmo discrimínannos e dinnos que somos 'unhas...', contan as
alumnas.
" 'Eu creo que imos cara adiante, pero é un proceso lento e longo', conclúe un alumno do mesmo Instituto de Oroso."
Podes ver a a reportaxe completa picando aquí. __________ Fonte das imaxes: TVG
Esta é unha escultura de muller da que certamente sabemos:
1. Está situada no pórtico do baptisterio da Catedral de Sevilla.
2. Goza plenamente dunha éxtase de lectura.
Ignoramos se nesa éxtase tamén levita. Mais agardamos poder tamén nós gozar algún día do libro que tan grande pracer lle produce e facer accesible esa posibilidade así mesmo a todas (todas!) as persoas. Sumámonos, pois, á mensaxe de Irina Bokova, Directora Xeral da Unesco.
Gozoso 23 de abril !
__________
Aclaración: permitímonos a licenza de tomar prestada esta entrada do noso antigo blog Paxaros na Cabeza, porque moito nos gustou no seu momento e prodúcenos pracer volver a repetila.
Para a maioría das
persoas, o día 14 de febreiro de cada ano é un día para celebrar o amor e a
amizade, unha data para agasallar a persoa amada e manifestarlle aprecio. Ese
mesmo día tamén se celebra a onomástica de San Valentín, mais... Por que se
asocia San Valentín ao Día dos Namorados?
A relación entre o
amor e San Valentín aparece por primeira vez nun libro de 1382 escrito polo poeta inglés Geoffrey Chaucer (considerado o pai da literatura inglesa) e titulado Parlement of foules (Parlamento
dos paxaros), no que aparecen estes versos:
"Pois isto sucedeu o día de San Valentín,
no que todo paxaro escolle compañeira"
Quen foi este San
Valentín do que fala Geoffrey? Non se sabe certamente, pois houbo varios
mártires chamados Valentín. Un libro do século XIII (un auténtico best-seller para esa época) titulado Legenda
aurea (A lenda dourada) menciona a San Valentín como un sacerdote
romano que foi executado por ser cristián. Mais un bispo da cidade de Terni, chamado
así mesmo Valentín, foi tamén executado no ano 273...
O que sí é certo é que o
Papa Xelasio I estableceu no ano 496 o 14 de febreiro como día de San Valentín.
O deus Cupido nun spot actual
Unha das lendas
máis coñecidas conta que este santo era un sacerdote que viviu en Roma no
século III. Nesa época, o emperador Claudio II decidiu prohibir a celebración
de matrimonios porque os mozos casados eran peores soldados. San Valentín, sen
obedecer a orde, celebraba matrimonios clandestinos entre mozos namorados. E
por esta razón foi executado o 14 de febreiro do ano 270.
Non deixa de ser
casualidade, mais o 14 de febreiro do ano 1969, o Papa Paulo VI promulgou o Calendarium
Romanum Generale, no que San Valentín desaparece do calendario
litúrxico debido precisamente á orixe incerta das lendas que o rodean.
O caso é que Geoffrey
Chaucer asocia a celebración do San Valentín coa metade do inverno, a época do
ano na que se sente no aire o abrollar da primavera e a volta da luz e da
fertilidade. Uns días antes, concretamente o día 2, celébrase tamén a festa da
luz, aCandeloria. Pola candeloria medio inverno vai fóra, di un refrán popular. E
outro di: A partir da candeloria, ningunha ave voa soa...
Ou, como dixo o poeta Amado Carballo:
“Na
catedral do abrente
oxe
cásans’os paxaros,
con
nubens de neve e ouro
está o
ceo galanado (...)”
O casamento dos
paxaros significa o retorno dos cortexos e do renacer primaveral. E sendo así, non sería máis lóxico
que o día do amor romántico fose para nós o 2 de febreiro? __________ Nota Final: se por ventura o que en realidade sintes é a necesidade de expresar desamor, hai tamén para iso magníficos exemplos no mundo da música, entre eles esta canción cantada por Celly Campelo e titulada Estúpido Cupido:
O Día Escolar da non-violencia e a paz celébrase cada 30 de xaneiro con actos diversos nos centros educativos para conmemorar a morte de Gandhi. Celebrouse por primeira vez no ano 1964 por iniciativa do profesor, poeta e pacifista mallorquín Llorenç Vidal, foi recoñecido polo Ministerio de Educación e Ciencia no ano 1976 e a UNESCO tamén tivo a ben recoñecelo no ano 1993.
Cada 30 de xaneiro convírtese así nunha chamada de atención que nos fai sentir a necesidade dunha educación para a tolerancia, a solidariedade, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz.
A mensaxe básica deste día é:
"Amor universal, non-violencia e paz.
O amor universal é mellor que o egoísmo,
a non-violencia é mellor que a violencia,
a paz é mellor que a guerra".
Para concienciarnos da necesidade de traballar pola paz e pola resolución non violenta dos conflitos, nada mellor que interiorizar a terrible situación de moitos nenos e nenas refuxiados como consecuencia dos conflitos que se viven nos seus países de orixe. Está sucedendo agora. Está sucedendo aquí.
Este vídeo forma parte dunha campaña viral da ONG Save the Children e quere mostrar en imaxes a dura realidade na que viven os nenos refuxiados a través dos ollos de Lily, unha nena de once anos que foxe dunha hipotética guerra que estala en London. Save the Children quere lembrar así que 325.000 nenos cruzaron o Mediterráneo e o Mar Exeo fuxindo de conflitos bélicos, fuxida na que perderon a vida unha media de dous nenos ao día entre setembro de 2015 e febreiro de 2016.
Para a celebración deste 25 de novembro, varios departamentos do IES de Oroso realizaron diversas actividades co noso alumnado e decoraron as paredes da entrada cos diferentes materiais elaborados.
A Biblioteca escolar, pola súa parte, contribuíu coa elaboración dun enorme cartel no que se expresa o horror que supón a violencia contra a muller por medio dunha versión da obra de Edvard MunchEl grito.
Visita o noso centro, e tamén a Biblioteca, se queres gozar de todo isto a tamaño natural!
(E se non nos podes visitar, sempre podes ver un grupo de fotos na web do noso instituto).
_______ Fonte da fotografía das irmás Mirabal: diario El País.
Parece ser que os pobos celtas celebraban o 31
de outubro como o día que sinalaba a fin do tempo das colleitas. Era a data
considerada como o día de transición
entre o verán e a estación sombría, o inverno.
Esta festa cadraba coa redución progresiva das
horas de luz: nese día, os pobos celtas crían quese diluía a fronteira entre os vivos e os mortos.
Por esta razón os espíritos, tanto os benévolos como os malignos, podían
regresar ao mundo.
Precisamente para espantar os espíritos
malignos, era unha noite para vestirse con máscaras e traxes, ofrecer ofrendas
aos defuntos e posiblemente colocar nos muros dos castros os cranios dos inimigos vencidos e iluminalos con velas. Era a noite de Samaín, a
festa na que os mortos se reúnen cos vivos.
Co motivo desta celebración, a Biblioteca
Escolar realizou unha selección de libros que nos axuden a contactar con ese
outro mundo, e organizou con eles unha pequena mostra na entrada do noso
instituto.
O pasado 17 de outubro celebrouse por vez primeira o Día das Escritoras, unha conme- moración que nace para facer visible o traballo das mulleres na literatura e reivindicar o seu labor.
No transcurso da xornada celebráronse diversas actividades en diferentes institucións culturais e nós, pola nosa parte, sumámonos publicitándoo por medio do cartel que acompaña estas liñas.