1 de xullo de 2019

Sobre " O inferno de Marta", de Pasqual Alapont



Publicamos o videoclip elaborado por unha nosa alumna de terceiro de ESO, no que comenta o libro "O inferno de Marta".

24 de maio de 2019

Premio Teatro Radiofónico do ano 2013

Entrega do premio a Raquel Marco Mejuto
Chéganos como doazón para a Biblioteca Escolar un exemplar da publicación que recolle os relatos gañadores do VII Premio Cultural de Teatro Radiofónico 2013.
O galardón da edición dese ano foi para a obra “Chovencartos”, escrita por Raquel Marco Mejuto, que foi alumna do IES de Oroso.
Sen alguén ten interese por ler esta pequena narración, pode acudir á nosa Biblioteca Escolar.
E a nosa noraboa, aínda que sexa fóra de prazo, a Raquel Marco!

7 de maio de 2019

Día da Ciencia en Galego 2019


O día 3 de maio celebrouse no centro a segunda edición de Ciencia en Galego. O alumnado expuxo, nunha xornada de portas abertas, os seus experimentos e as aprendizaxes realizadas nas aulas de ciencias da natureza, tecnoloxía e física e química, e asemade deulles visibilidade a algúns aspectos cos que aínda andamos a voltas neste século: en galego tamén se fai ciencia e a ciencia non ten sexo.
Parabéns a todas as persoas fixeron posible esta actividade.

2 de abril de 2019

Master-Class con Carlos Negro

O pasado mércores, día 27 de marzo, o alumnado de terceiro tivo a ben asistir no Salón de Actos a un encontro co escritor e poeta Carlos Negro, ao longo do cal este autor realizou unha aproximación á súa obra Penúltimas tencencias.

Os nosos alumnos e alumnas ían ben preparados, pois xa traballaran previamente os poemas, xa realizaran actividades gráficas baseadas neles e mesmo se animaron a producir versos propios. Algunha imaxe disto que vos dicimos pode verse se consultades a web do noso instituto.
Aquí, e para completar a información, só queremos inserir dous vídeos da alocución de Carlos Negro, como unha mostra do que as rapazas e os rapaces poideron escoitar e aprender:

  

18 de febreiro de 2019

España en mapas

http://www.ign.es/web/resources/acercaDe/libDigPub/Espana_en_mapas.zip

O Instituto Xeográfico Nacional publicou o novo Atlas Nacional de España.
 A obra recompila mapas actualizados sobre o medio natural, a poboación e a sociedade españolas, as súas actividades produtivas e económicas, equipamentos, transportes, estrutura territorial e paisaxe, entre outros.
Trátase polo tanto dunha obra importante, pois permite consultar arredor de 1.200 elementos gráficos (dos cales máis de 800 son mapas) e comprender mellor a realidade xeográfica, histórica, social, económica, natural e ambiental.
O Atlas, titulado "España en mapas. Una síntesis geográfica", pode descargarse  dende o web do Instituto ou, se o prefires, clicando sobre a portada que aparece reproducida á esquerda.

25 de novembro de 2018

No tempo das Bolboretas

Hai agora dous anos, publicabamos unha entrada para explicar por que o Día internacional da eliminación da violencia contra a muller se celebra o 25 de novembro.
O feito é que nesa data do ano 1960 foron asasinadas as irmás Mirabal, coñecidas como As bolboretas, por seren disidentes políticas na ditadura do presidente Trujillo, na República Dominicana.
Os feitos foron recreados nun filme que leva por título "No tempo das bolboretas" e que inserimos a continuación:


5 de novembro de 2018

Dar forma a unha composición escrita

https://drive.google.com/file/d/1QXTkQYSGl-flCpOEpHQutTSqZGnD6G3m/view?usp=sharing
Unha das actividades escolares que esixe un pouco de atención e esforzo é a composición escrita, isto é, saber escribir textos con corrección e saber darlle unha presentación atractiva.
Actualmente, moitos dos traballos escolares que se escriben para ser presentados están elaborados usando un procesador de textos. Exemplos de procesadores de textos son Word ou Writter.
Compoñer un texto con estes procesadores parécese moito á escritura usando as antigas máquinas de escribir. A diferenza é que poucas persoas dominaban antes a mecanografía, mentres que hoxe parece que case todas as persoas saben manexar o teclado da computadora. E dicimos, a propósito, "parece" porque non sempre  é así.
Para axudar a compoñer textos usando a computadora, a Biblioteca Escolar coa colaboración do Equipo de Dinamización Lingüística, decidiu editar un pequeno folleto no que se divulgan as posibilidades que ofrece.
Podedes acceder a el picando sobre a imaxe e... que sexa de proveito!

1 de novembro de 2018

Lectura de historias para pasar medo...

O Equipo de Dinamización Lingüística, conxuntamente coa Biblioteca, fixo unha selección de lecturas para neste Samaín se nos poidan poñer todos os pelos de punta. Non pensedes que é unha esaxeración e atrevédevos...!
Este é o cartel que se elaborou para difundilos:

20 de outubro de 2018

A grande historia da Galicia celta incorpórase á nosa Biblioteca!

https://maitemosconi.com/2018/04/16/gaedheal-libro-1-de-las-invasiones/
Pica para ler un estracto da obra
"Breogán clavó la espada en el suelo y soltó un bufido.

"—¿Qué razón se necesita para traicionar? —cuestionó él en esta ocasión, con desconfianza—. Siempre hay que pensar lo peor de la gente, sobre todo de la que conoces. Así uno se evita muchas decepciones en la vida.

"Y él lo sabía muy bien.
"Se acuclilló y tomó un puñado de tierra que frotó entre sus manos. Giró la cabeza y trató de ver algo.
"Cerca de ellos, sobre la maleza, identificó el cadáver de uno de los suyos.
"Tuvo que apretar la mandíbula para no gritar. Esa guerrera se llamaba Mirra, había sido uno de sus mejores soldados y al igual que él, de las primeras nacidas en la nueva Gaedheal.
"Cerró los ojos un instante y rezó una oración por ella a los Dioses de la Eríu.
Tanto dolor, tanta muerte, ¿para qué?"

Queres coñecer os tempos escuros de morte e dor que supuxeron a orixe do pobo celta?
Queres sentir o poderoso papel das mulleres, como as meigas, na guía dos distintos pobos celtas ata conseguir unilos para salvar o seu mundo?
Queres contactar cos mitos, personaxes e lugares máxicos de Galicia nunha novela de fantasía, aventura e romanticismo?

Tanto se es afeccionado ás novelas de fantasía como se non, mergúllate nas historias e nas lendas que narran as orixes do pasado celta de Galicia.
Gaedheal, o primeiro libro dunha triloxía escrita pola rianxeira Maite Mosconi, xa está na nosa Biblioteca para que poidas gozar da súa lectura.

Non a perdas!
___________________________________________________________________________

A autora asina para nós unhas palabras moi fermosas:

Estimad@ lector/a:

Esta historia nace a partir da historia, da paixón pola aventura e da maxia (ou gesha).

Verás un mundo e unha terra moi parecida á túa e coñecerás, de primeira man, por que a nosa Gaedheal é un lugar cheo de paixón, heroes e heroínas, e dun pasado que vai no noso sangue e memoria.

Toda gran aventura comeza cunha viaxe.

Espero que che guste.

Maite Mosconi

19 de outubro de 2018

Como se usa un dicionario impreso?

Pica para ler o documento
Pica para ler o documento

Un dos instrumentos máis utilizados cando se traballan textos é o dicionario.
Todo o mundo parece saber que un dicionario é un libro no que aparecen moitas palabras dunha lingua, ordenadas por orde alfabética para seren encontradas con facilidade. E que se utiliza para buscar o significado desas palabras.
Con todo, os dicionarios son instrumentos que conteñen máis información ca esa.
Para dar a coñecer algunhas desas posibilidades e facelos así máis útiles aos seus usuarios, a Biblioteca Escolar decidiu elaborar un pequeno folleto divulgativo.
Podedes consultalo se picades sobre a imaxe, e que sexa de moito proveito!