2 de xullo de 2018

Audiolibro "Titiritesa"

Radio O CanLe presenta un novo audiolibro. Trátase de Titiritesa, de Xerardo Quintiá e Maurizio Quarello, publicado por OQO Editora no ano 2007. A lectura foi realizada por alumnas de cuarto de ESO do IES de Oroso.

30 de xuño de 2018

Artur e Clementina, de Adela Turin e Nella Bosnia

Dende O CanLe presentamos a lectura do libro Artur e Clementina, realizada por Victoria e Paula, dúas alumnas de segundo de ESO.


28 de xuño de 2018

Radio OCanLe inicia as súas emisións

Anunciamos que o Equipo de Dinamización Lingüística, en colaboración con Arca Alexandrina, inicia a súa emisión de podcasts a través de Radio OCanLe, polo de agora en fase de probas.
Neste primeiro audio, en formato de audiolibro, dúas alumnas do IES de Oroso len un pequeno texto extraído do libro titulado Europa Express, da escritora Andrea Maceiras.

27 de xuño de 2018

A saúde da lectura en Sigüeiro

A lectura goza de boa saúde?
Para pulsar o grao de vitalidade en lectura da veciñanza de Sigüeiro, dúas alumnas e un alumno do IES de Oroso realizou entrevistas a varias persoas vinculadas á lectura e ao seu mundo e tamén a lectores/as anónimos/as  que foron entrevistados na rúa.
Este traballo foi deseñado e supervisado polo Equipo de Dinamización Lingüística, e os seus resultados quedaron plasmados neste audiovisual:

23 de xuño de 2018

As laranxas máis laranxas... de Carlos Casares

A finais do pasado curso 2017-18, o noso alumnado de primeiro interpretou a obra de teatro de Carlos Casares As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. Os ensaios previos foron realizados polo Departamento de Lingua Galega en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística.
En Arca Alexandrina pensamos que sería unha mágoa non poder gozar novamente desta actuación, aínda que sexa en diferido, porque os actores e actrices meréceno. Aí vai:

21 de xuño de 2018

Contacontos para os nenos e nenas de Educación Infantil


A quen non lle gusta que lle conten historias?
Contar historias é un acto de enorme atractivo e tan vello como a propia humanidade. Hoxe maniféstase utilizando medios moi variados: libros, poesías, cancións, filmes. Mais aínda que hoxe as series da televisión son o xeito de máis éxito, nada lle quita a fascinación á transmisión oral ben realizada. Acaso non hai miles de persoas que escoitan podcasts?
Pois o pasado día 19 de xuño o Equipo de Dinamización Lingüística realizou co noso alumnado de segundo e de cuarto unha actuación para os alumnos de Educación Infantil do CEIP de Sigüeiro, que consistiu na lectura dramatizada de varias historias escritas en libros infantís. Transmisión oral de textos escritos combinada coa súa dramatización. E en persoa, sen unha pantalla actuando de intermediaria.
As secuencias de vídeo que presentamos mostran a beleza deste acto de comunicación.
Que veñan moitos máis.



29 de abril de 2018

Feira da Ciencia 2018

O pasado venres, día 27 de abril, celebrouse no IES de Oroso o Día da Ciencia cunha mostra de proxectos realizados polo alumnado de segundo, terceiro e cuarto que poideron contemplar e gozar todas as persoas vinculadas dalgún xeito ao noso centro.
Como unha contribución máis a esta celebración a Biblioteca Escolar (en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística e o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía) elaboraron un Calendario Orbital que permite localizar ao longo deste ano 2018 a ubicación do noso planeta na órbita que describe arredor do Sol.
Clica na imaxe para descargar o calendario en formato pdf
Unha versión impresa deste calendario foi posta a disposición de todos os visitantes á Feira da Ciencia. Se a ti tamén che interesa, podes descargar unha copia clicando sobre a imaxe.
Tamén podes facerte unha idea do animado que estivo o noso instituto visualizando un pequeno álbum de fotos desta Feira da Ciencia 2018.

30 de novembro de 2017

A Televisión de Galicia visita o IES de Oroso

O pasado día 24 de novembro, tivemos a honra de recibir a visita da TVG. O motivo era a celebración do Dia Internacional pola eliminación da violencia contra a muller nos centros educativos.
A pequena reportaxe foi emitida no Telexornal Mediodía do mesmo día 24, e foi subido á web nos días posteriores acompañado do seguinte texto:
"Nos centros de secundaria din que a concienciación contra a violencia machista xa non é algo que se trate só con accións simbólicas dun Día... 'O das máscaras representa como as mulleres temos que calar... Simboliza a submisión', din dúas alumnas do IES de Oroso.
"Alumnos e alumnas recoñecen que a formación en igualdade e contra a violencia machista forma parte dos seus contidos escolares, cada vez máis fóra da área de orientación e titorías e máis vinculados co resto das materias. De portas para dentro do centro senten que as relacións xa son moi igualitarias, pero portas para fóra din que aínda queda moito por facer... 'Cando tomamos a iniciativa somos máis xulgadas', 'Os homes van máis soltos... mentres que se nós facemos o mesmo discrimínannos e dinnos que somos 'unhas...', contan as alumnas.
" 'Eu creo que imos cara adiante, pero é un proceso lento e longo', conclúe un alumno do mesmo Instituto de Oroso."
  Podes ver a a reportaxe completa picando aquí.
__________
Fonte das imaxes: TVG

22 de novembro de 2017

Razóns cientificas para ler máis do que lemos

O informe La lectura en España 2017, do que publicamos unha referencia na columna esquerda, alerta dalgunhas cifras preocupantes. Por exemplo, que arredor dun 40% de cidadáns non leu ningún libro no ano 2015. Perante esta situación, o Goberno parece que prevé actuar con un Plan Nacional de Fomento da Lectura.
Hai argumentos científicos para fomentar a lectura? Pois si: a lectura é un dos mellores exercicios posibles para manter en forma o cerebro e as capacidades mentais. E é así porque a actividade de ler esixe poñer en xogo un importante número de procesos mentais, entre os que destacan a percepción, a memoria e o razoamento. Cando lemos activamos preferentemente o hemisferio esquerdo do cerebro, que é o da linguaxe [...], pero son moitas máis as áreas cerebrais de ambolos dous hemisferios as que se activan e interveñen no proceso. Decodificar as letras, as palabras e as frases e convertilas en sons mentais require activar amplas zonas da cortiza cerebral.
Ler o artigo completo en El País.
__________
Fonte da imaxe: Pixabay

18 de novembro de 2017

Cando ler é visto como un acto perigoso...

"Cuando lemos unha historia, habitámola...
"A ela, máis que a ninguén, encantáballe o momento no que terminas un libro e a historia segue viva na túa cabeza coma un soño moi real..."



A historia transcorre nun pequeno pobo da costa británica no ano 1959. Alí, Florence Green, viúva dun soldado falecido na Segunda Guerra Mundial, está decidida a montar unha libraría. O seu amor pola lectura é moi grande e quere compartilo cos demais. "Entre libros, ninguén pode sentirse só", di o cartel que promociona a película. Con todo, as ideas e os intereses dos seus veciños non lle van poñer fácil a tarefa...
Este filme está baseado nunha novela co mesmo título de Penélope Fitzgerald e conta a historia dunha muller lida, culta e libre que ten que levar adiante o seu soño fronte a unha poboación conservadora, machista e tradicional.
E é que sempre hai quen se obstina en ver  na lectura un acto que ten algo de perigoso...